Universidade da Coruña acolle as 'V Xornadas sobre Seguridade e Defensa: Tendencias e Demandas en Tecnoloxías Matemáticas e TIC'

Ante a crecente preocupación polas inxerencias en procesos sociais e políticos a través das redes sociais, as novas tecnoloxías matemáticas ofrecen anticipar, detectar e trazar a orixe dun ciberataque case instantaneamente. “Na actualidade, estas manobras encamiñadas a influír e desestabilizar detéctanse a posteriori porque, por exemplo, o cotexo de fotografías faise a ollo; desenmascarar as informacións falsas a tempo real requiren plataformas e algoritmos de análise automática e masiva de datos como os que desenvolvemos nós”, explicará Guillermo López, CEO de Torusware.
O evento presenta o primeiro sistema de detección temperá de sismos e tsunamis en España, baseado en modelos matemáticos e algoritmos numéricos que predín o seu potencial destrutivo antes de que ocorran. No congreso tamén se exporá un modelo matemático de distribución loxística de axuda humanitaria que, por primeira vez, permite priorizar conxuntamente criterios como a equidade e a seguridade dos cooperantes. E mostrarase como se identifican brancos militares minimizando os riscos. Estes son algúns dos contidos das trece sesións do evento, nas que representantes da Armada Española, de entidades investigadoras e de empresas como Airbus e Getronics, entre outras, expoñerán casos de éxito no ámbito da seguridade e a defensa.

1 gústame