A vaca de Joaquim Agostinho

Hai unha anécdota que conta Daniel Friebe no libro Mountain High que fala ben de onde viña e cara onde viaxaba Agostinho a golpe de pedal. Polo visto, en plena disputa dunha etapa do Tour, subindo o Grand Ballon, o portugués encarouse con Eddy Merckx, coñecido pola súa voracidade gañadora, e esixiulle que lle deixase chegar primeiro: “Necesito os cartos para comprar unha vaca e ti non, ti podes comprar cen!”, berroulle. A Joaquim, nacido nunha familia de labregos de Torres Vedras, sempre lle tirara o campo, pero Merckx, urbanita e pouco sensible ao argumento agropecuario, acabou vencendo, coma sempre.

Corredor tardío (comezou a competir aos 25 anos), Agostinho nunca soubo andar moi ben en bicicleta. Non é que lle non soubese de táctica, que tampouco (as exhibicións físicas que ofrecía acababan moitas veces por pasarlle factura). É que lle custaba bastante conservar a verticalidade. Os compañeiros de xeración falan da súa tendencia a enganchar a cadea entre os piñóns e a incapacidade que tiña para sacar con xeito os zapatos dos pedais (xa somos dous). Tamén contan con terror como, ante calquera mínimo sobresalto, Agostinho chantaba os freos na roda, provocando que os que o seguían no pelotón se estrelasen contra el. Os compañeiros chamábanlle con cariño Quim Cambalhotas, e polo visto a el non lle parecía mal.

4 gústame

Mimá! Cousa mais actual!

2 gústame