Que está pasando coa lingua galega?

Que está acontecendo coa lingua galega? Como pode haber cada vez menor número de galegofalantes? Como pode haber un repudio cara a lingua nai e todo o que corresponde á cultura?
Estas son unha serie de preguntas que roldan a miña cabeza, agora, máis que nunca.
Na miña opinión, e vendo como vai variando todo co paso do tempo, a lingua galega sufriu un maltrato considerábel por parte do Franquismo. Como un galego puido reducir a súa propia lingua á mínima expresión, con represión. O curioso do tema é que antes falar na rúa, escribir ou expresarse en galego estaba completamente prohibido. O galego falaba na casa e coa familia en galego, non en castelán. Por iso a lingua perseverou e sobreviviu ata hoxe en día: porque a xente amaba a súa lingua e cultura e así o manifestaba cos máis achegados.
Coa represión que había a xente falaba galego nas casas… podo entendelo… pero hoxe en día, onde supostamente non existe represión ningunha, por que a xente non fala máis galego ou se mantén o mesmo número de galegofalantes que antes? Iso é algo que non concibo: ver como unha xeración movida polo Club Xabarín, cantando e expresándose en galego agora asemella que sente vergoña da propia lingua e cambia ó castelán para darse a ver máis culto e refinado. Ollo, que con todo isto non quero dicir que estea en contra do castelán, todo o contrario, o coñecemento de linguas é unha riqueza á que todos deberíamos optar. Pero o que pido con todo isto é o respecto. O saber estar. En Galicia fálase primeiro galego, despois castelán. Somos completamente bilingües e sabemos falar as dúas linguas. Manter o galego e coñecer o castelán é de unha riqueza da que moitos non logran concibir. Agora si, respectade o galego. Cousa que hoxe en día vexo que xa non se fai.
Por exemplo, Galicia Bilingüe vai espallando por aí a imaxe de que poden convivir as dúas linguas cando o único que fan é expresarse calumniando o uso do galego. Por que? Por que esa reiterada manía de querer difamar e degradar as linguas minoritarias? Por que esa persistencia dos galegófogos a pensar en que falar a lingua da terra é ir en contra do país? Iso si, cando se trata de comer un polbo á feira ou tomar unha queimada, aí a todos lles sae a vena galega coma os máis entendidos, pero ó final sábese o que hai…
Unha das cousas que me fun dando conta co tempo é que a poboación galega é moi complexa e iso vese nas contrariedades de opinións. Por exemplo: non hai maior inimigo para a cultura e lingua galega que o propio galego. É interesante como podes ver a un madrileño gozando da lingua galega o co interese de querer aprendela, mentres hai galegos que a rexeitan e senten vergoña da súa geada, seseo, etc. Por que…? Na miña humilde opinión, diría que todo iso é grazas ás reminiscencias do Franquismo e á ignorancia. Unha mala imaxe que propagou Franco en contra da nosa lingua e de todo o pobo galego: o galego é o parvo en España que só vive do campo e de coidar vacas. Un aldeán ignorante que ten o mínimo entendemento para remover o esterco das vacas e carrexalo. Mais eu a estes pobres parvalláns lles digo que esas imaxes son infundadas. O galego, a lingua e o pobo maltratado, sempre saíu a flote e aquí estamos agora mesmo: orgullosos do noso e do que somos, porque por moito que digan, por moito que cuspan sobre nós e intenten fundir con esas parvadas (en ocasións ditas ata por “galegos”), sabemos que son palabras de catro ignorantes hipócritas. Porque de cada nen@, moz@, señor@ que fala galego, detrás mantense o orgullo, as bágoas e o sufrimento de xeracións que loitan aínda por manter vivo o que é seu: a fala.
Basta xa desta glotofaxia! Galegófogos, entendede dunha vez que falar galego non é unha traba, é riqueza.
Xa o di ben claro o himno galego:
Os boos e xenerosos,
A nosa voz entenden;
E con arroubo atenden,
O noso rouco son;
Mais, só os ignorantes,
E féridos e duros,
Imbéciles e escuros
No-nos entenden, non.
E unha cousa teño ben clara, e por experiencia, o galego pode ser moitas cousas, pero principalmente bo e xeneroso como o que máis.
Só agardo que o pobo galego esperte co tempo (como fixo antes) e vexa a realidade como é: somos moito máis do que promulgaron. Temos todo para ser grandes, mais conformámonos cas catro faragullas de estupidez que nós mesmo nos estamos crendo…

1 gústame

Acho que nestes dous textos explicam algo

http://pglingua.org/opiniom/index.php?option=com_content&view=article&catid=3&id=5288&Itemid=81

1 gústame