Os nomes dos verdugos por fin

Está a piques de saír do prelo Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron, o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores na Galiza que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo terror. Nel abórdase a represión fascista nas comarcas de Pontevedra, o sur de Lugo, Ferrol, A Coruña, a Mariña, Ordes e Terra de Montes, ademais de temas como os procedementos e actuacións dos represores, as mulleres falanxistas, o papel da Igrexa, os tribunais militares e a represión económica.
Estamos diante dun traballo valente dada a cantidade de investigadoras e investigadores procesados nas últimas décadas. “Tanto os coordinadores como os autores sabemos que xogamos con lume”, recoñece Garrido. “O franquismo non rematou e somos conscientes de que non estamos libres de que nos denuncien, pero tamén é certo que nós andamos con coidado. Se non for así igual seriamos máis ousados á hora de apuntar hipóteses. Neste caso practicamente tes que facer ti o que non fixo a policía ou os xuíces, que é descubrir e probar ti quen foron os autores. A nós esíxesenos non desde o punto de vista académico, senón penal”.
E esta dificultade para investigar explica tamén o que pasou aquí e por que atopamos apelidos entre os represores que despois da Transición continuaron sendo parte das elites do Estado español, como Rosón ou López-Sors. “Cando estudamos os represores e as ramificacións que teñen, e como se beneficiaron os que hoxe son demócratas de toda a vida do botín obtido grazas á represión, entendemos por que nós non podemos estudar de maneira normal ese período como se estuda calquera outro. Hai moito interese en ocultar a orixe das fortunas e dos privilexios de moitas clases, persoas e colectivos que hoxe ostentan unha posición grazas ao crime, ao asasinato e ao roubo e todo iso”, di Garrido.

2 gústame