Os Dezas de Moneixas e o Partido Galeguista

E esta é a miña pequena historia deste inmenso grupo de gaiteiros que durante anos encheron coa súa música as Festas e Romarías de Galiza e ós que o Concello de Lalín lles debe unha Rúa ou unha Praza co seu nome.

Poño un anaco de un artigo de Manuel Igrexas sobre a historia dos Dezas:

“Quixera deixar aquí patente a vinculación de Os Dezas co Partido Galeguista. Os membros do grupo afílianse ao Partido Galeguista o 27 de febreiro de 1935. Pero non son uns simples militantes pois as súas actuacións eran sempre presentadas por membros do PG. Tamén hai que sinalar que na homenaxe que o Grupo Galeguista de Lalín lle fixo a Loriga, ao cumprirse un ano da inauguración do seu monumento, participaron e actuaron Os Dezas. E na velada da despedida aos membros do Seminario de Estudos Galegos logo da súa estadía en Lalín en 1935, presentados por Manuel González.

Esta vinculación vese subliñada en varios artigos de apoio á labor dos gaiteiros, aparecidos no xornal A Nosa Terra, semanario do Partido Galeguista, no mesmo ano 1935 e asinados por militantes de Lalín como Fernando Goyanes (Ánimo Dezas) e o mesmo Manuel González. Nun artigo de Xesús Froiz, publicado en setembro, este anuncia a todos os Grupos do Partido e ás Mocidades Galeguistas, a organización dunha homenaxe aos Dezas, que consistiría nunha festa coa entrega dunha bandeira galega ao grupo. Propón que sexan Castelao e Víctor Casas os que fagan o ofrecemento, porque di, son moi admirados polos gaiteiros. O Grupo Galeguista de Lalín, daquela presidido por Enrique Vidal Abascal, inicia a subscrición para a bandeira con cinco pesetas.
Os propios gaiteiros sosteñen un anuncio en A Nosa Terra no que ofertan a súa actuación como grupo enxebre con este texto dirixido aos militantes galeguistas:

IRMÁNS: Cando queirades ter unha festa propia d’a Terra, non deixés de chamar os Gaiteiros «OS DEZAS» de Lalín-Moneixas (Pontevedra) CANTO PROPIO. PAREXAS DE BAILE. CADRO DE DECLAMACIÓN.

Unha das últimas actuacións das que temos noticia no período republicano, foi a que fixeron no mitin do Partido Galeguista da Estrada o 12 de xaneiro de 1936. Os Dezas deron antes do mitin un concerto de música popular, e despois das intervencións de Ramón de Valenzuela, Alexandre Bóveda e Castelao, o coro e os gaiteiros interpretaron o Himno galego e outras pezas”.

2 Likes