O cineasta de culto portugués Pedro Costa visita o CGAI para presentar a súa obra

Gañador do Leopardo de Ouro de Locarno por ‘Cavalo dinheiro’, o realizador participará ista sexta feira e o sábado en dous coloquios arredor da súa serie caboverdiana, rodada no barrio lisboeta de Fontainhas, e das súas influencias cinematográficas.

Xa desde hai anos, o realizador traballa case exclusivamente con habitantes de orixe caboverdiana do barrio lisboeta de Fontainhas. Alí convive con eles durante meses e mesmo anos, filmando paulatinamente as súas obras e sen un plan de rodaxe pechado, polo que as súas películas se cociñan a fogo lento. A retrospectiva que lle dedica o Centro Galego de Artes da Imaxe arranca con dous dos títulos desta serie caboverdiana: ‘Casa de Lava’ (mañá martes, 20.30 h) e ‘No Quarto da Vanda’ (mércores 1 de febreiro, 19.30 h).

Este especial que o CGAI lle dedica a Pedro Costa prográmase coincidindo coa master class que o cineasta portugués ofrecerá o sábado, ás 19.00 h, no Museo de Arte Contemporánea (MAC) Gas Natural Fenosa dentro do seu ciclo ‘Cine/Fotografía: contactos’, comisariado por Javier Trigales. A matrícula nesta clase maxistral é gratuíta, previa inscrición no teléfono 981 911 476 en horario de apertura do museo.

http://www.agadic.gal/Blog/contido/2401/_O_cineasta_de_culto_portugues_Pedro_Costa_visita_o_CGAI_para_presentar_a_sua_obra

1 gústame