O 27 de xuño de 1931 Galiza converteuse, por unhas horas, en República de seu

80 anos do estatuto do 36, 85 anos da I República galega

O 28 de xuño de 1936, o pobo galego aprobaba por inmensa e categórica maioría o estatuto de autonomía. Un documento, que como recollían os xornais e diarios da época, era visto como “primeiro paso para a liberación do xugo centralista” (El Compostelano)

O Anteproxecto redactado en 1931 polo Seminario de Estudos Galegos, o xermolo do devandito Estatuto, era ambicioso e recoñecía Galiza como “un estado libre dentro da República Española”. Ricardo Carvalho Calero, Lois Tobío, Vicente Risco, Valentín Paz Andrade e Alexandre Bóveda eran os seus redactores. Uns termos que foron rebaixados durante o debate posterior para concederlle o estatus de rexión autónoma, con novas competencias e atribucións, lonxe do modelo federal recollido no primeiro borrador. Foi a Asemblea de Municipios a que en 1932 aprobou o texto que tivo aínda que agardar catro anos para se votar pola poboación galega. O 77,5% dos concellos remitiron representantes a esa fulcral asemblea, 227 dos 319. E deses 227, 209 cámaras municipais aprobaron o estatuto.

Enrique Rajoy Leloup, secretario do Comité Central de Autonomía. Segundo o señor Rajoy, os electores deben participar do que é unha “manifestación democrática da cidadanía”. “Quen non ten liberdade para gobernar a súa propia casa e rexer os seus propios intereses, sexa pobo, sexa persoa humana, ou é un escravo ou é un incapaz que precisa tutela”, resumiu Rajoy para dar conta de votar afirmativamente polo Estatuto.

Outro alcalde, o de Vigo, tamén animou os cidadáns a participar no plebiscito. Fíxoo nun bando, no que don Emilio Martínez Garrido chama á “reflexión, ao sntimento, á comenencia e ao deber” de que “todos os veciños” vaian ás urnas e alí procuren “a personalidade dun pobo con arelas de vida e liberdade”. “O que Galicia quere -di o bando- é, con conciencia da súa peculiaridade económica, política e cultural, rexerse por leis propias e estar cinguida, ao sesgo da súa autonomía, voluntariamente fraternal con todos os demais países da Iberia e do Mundo”

2 gústame