Finou Bibiano, o verso máis libre das Voces Ceibes

Nasceu en Compostela a finais de 1950 e na adolescencia fundou varios grupos de rock (Los Tanos, O Noso Tempo). Mais a súa pegada na música viría como cantautor. Nunha xuntanza na casa de Alfredo Conde dá o paso e intégrase en ‘Voces Ceibes’, facendo do compromiso co idioma e Galiza eixos da loita musical contra o franquismo. Porén, Bibiano sempre tivo un gosto polo rock que se reflectía na súa aposta musical e que lle diferenciaba do resto de integrantes de Voces Ceibes e do mundo dos cantautores daqueles comezos dos 70. Por exemplo, foi o primeiro en introducir na escena de cantautores galega a percusión e instrumentos eléctricos. No 1979 fixo unha versión eléctrica do ‘Negra Sombra’ de Rosalía que naquel momento foi incomprendido por público e compañeiros.

Temas como ‘Garda a navalla’, ‘Agora entramos nós’ ou ‘Amador e Daniel’ (letra de Uxío Novoneyra) foron pequenos himnos de resistencia e esperanza. O disco ao vivo con Benedicto na Coruña en 1976 (‘Pola Unión’) é un dos imprescindíbeis daqueles anos. Un concerto en homenaxe a Santiago Álvarez, veretano dirixente comunista galego preso en Carabanchel.

Mais quizás o seu tema máis coñecido sexa ‘Can de Palleiro’, toda unha burla que foi quen de pasar a censura franquista, coa que Bibiano tivo máis dun problema. O retrouso ‘Abaixo a dentadura’ transformábase nos concertos nun ‘Abaixo a ditadura’. Nunha entrevista de hai uns anos contaba como un cesor daquela época o parabenizou por meterlles un gol tan ben metido.

1 gústame

momento final do concerto:

1 gústame