Entrevista a Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN)

O 31 de agosto de 1973 o Goberno Civil da Coruña legalizaba a inscrición do Grupo Ornitolóxico Galego (G.O.G.), xermolo do que hoxe é a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), nome que adoptou a partir de 1976. A vindeira semana esta entidade celebra polo tanto o seu 45 aniversario, un tempo longo para calquera entidade, pero moito máis para unha asociación de defensa ambiental. A SGHN é, de feito, a entidade ambientalista máis antiga de Galicia e unha das máis antigas do Estado Español. Coincidindo coa efeméride, a sociedade renovará a súa web e tamén relanzará as súas contas nas redes sociais. Aquel GOG inicial xa contaba entre os seus obxectivos a “difusión” do coñecemento sobre a biodiversidade e a “protección da natureza”, conceptos que non estaban demasiado estendidos a comezos da década dos setenta. Mundo García, Pepe Esteller, Sergio Devesa, Carlos Pedreira, Manuel Rodríguez Solórzano, Xosé Manuel Penas Patiño, Xan Rodríguez Silvar, Augusto de Castro Lorenzo, Xosé Manuel Romarís Pais ou José Guitián Rivera eran algúns dos integrantes daquel Grupo fundado hai agora 45 anos. En 1977 comezou a editar a revista Braña, a máis antiga publicación científica en galego en activo, que a partir da súa edición 2013 se pode consultar online

2 gústame

3 gústame