E van 50 anos de cando Castrelo de Miño protestou na voz de Celso Emilio

O acto do Hotel Roma, que no momento foi caracterizado como un revival do Banquete de Conxo, foi o primeiro mitin político celebrado en Galiza após o Golpe de Estado fascista de Xullo de 1936. Esta significación non se lle escapou ao réxime franquista, como testemuñan diversos informes policiais da época, e tampouco a Ramón Piñeiro que non só non se sumou ao acto, cousa que si fixeron a maior parte dos veteranos do vello Partido Galeguista, senón que mesmo chegou a considerar a homenaxe a Celso Emilio como un pretexto.

O acto fechouse coa lectura dun comunicado por parte das xentes de Castrelo no que se sumaban á homenaxe “o grande poeta da nosa terra Celso Emilio Ferreiro, que cantou marabillosamente o noso mañifico val de Castrelo, a terra máis fermosa do mundo e que xa non poderá cantar endexamais” e as palabras do propio poeta

O conflito de Castrelo de Miño, cuxa memoria ficaría na escrita da man de Manuel María, Lois Diéguez ou Fernández Ferreiro, na música e na voz de Miro Casabella, Suso Vaamonde ou Fuxan os Ventos, na arte no traballo de Luis Seoane, Raimundo Patiño ou Acisclo Manzano, exemplifica perfectamente como o nacionalismo nas súas limitacións foi capaz de condicionar a historia de Galiza. Non só significou a volta do noso idioma á loita política -pénsese que a finais de 1966 o PC secuestrou o reparto dun panfleto en Castrelo de Miño por estar escrito en galego- ou a introdución dos sinais de identidade que nos son propios nos conflitos sociais, senón que esta loita, independentemente de que non se acadaran os obxectivos, implicou unha considerábel mellora sobre as condicións de partida para os labregos e as labregas deste val do Ribeiro.

1 Like
2 Likes