Don Carlos Guitián, o médico que facía as receitas en galego

É un pioneiro na súa especialidade e na década dos sesenta foi o primeiro médico en realizar a técnica da resección transuretral para as doenzas de próstata. Mais o recoñecemento público non se lle fai só polos seus méritos profesionais senón polo seu profundo compromiso con Galicia e co galego. Foi o primeiro médico que escribiu as receitas no idioma propio, nos tempos escuros da ditadura franquista, cando a nosa lingua era perseguida e maltratada. Esta actitude de firme compromiso non lle reportaba beneficio algún senón todo o contrario. El mesmo recoñecía, nunha entrevista publicada en 2015, que “houbo pacientes deixaron de vir a miña consulta por falar en galego". O amigo Carlos Menéndez, que traballou co doutor Guitián como bolseiro nos anos oitenta, contoume que, xa daquela, no Servizo de Uroloxía as historias clínicas e os informes médicos escribíanos en galego. Podemos consideralo, con todo merecemento, como un dos médicos ilustrados que iniciaron a galeguización da sanidade en Ourense.

5 gústame