As xentes que estivemos na Sala Iago

A pesar de certa constante nacional-católica que pega forte nas pedras esluídas da aldea grande, de cando en cando algo sacude o esfiañado corsé que detén o tempo na cidade. E foi así que en novembro de 2011 asistíamos á Grande Reapertura da Sala Iago, un dos máis simbólicos pulmóns culturais dunha Compostela que entregou un tras doutros os seus cinematógrafos como rendéndose ao aburrimento e cedendo á liberdade vixiada dos centros comerciais.
O vindeiro 13 de marzo non xulgan unha usurpación ou un comportamento ilícito. Xulgan o noso dereito a vivir a cidade, a retomarmos os espazos e os afectos que nos foron expropiados. Castigan a nosa impertinente maneira de recompoñer colectivamente a nosa memoria. Malia todo, aquí nos teñen a todas e todos aqueles que dunha ou outra maneira estivemos na Sala Iago, alegres e satisfeitas da ternos rebelado contra a cotidianidade de centro comercial. Porque aínda nos ten un sabor a mel a memoria dunha tan brillante intervención contra o aburrimento e a derrota.

1 Like