A Eurocámara consuma un informe "farsa" sobre as rías galegas

Máis de medio ano máis tarde do previsto e varios atrasos despois, a UE vén de aprobar o informe sobre as rías galegas logo de que a Comisión de Peticións votase este luns as recomendacións para arranxar os graves problemas de contaminación das rías de Vigo, Ferrol e do Burgo. Saíu finalmente adiante un ditame fraco, morno e benévolo coas administracións. Todo malia a radical falta de acordo entre o xefe da misión comunitaria que visitou Galicia, o conservador Philippe Boulland, e as outras dúas eurodeputadas da delegación, a austríaca liberal Angelika Werthmann e a letoa dos Verdes Tatjana Zdanoka, que volveron protestar por un documento que non cren que reflicta a verdadeira gravidade da polución e dos problemas que puideron comprobar na súa viaxe ao país. Tanto que pediron que os seus nomes e sinaturas non figuraran no texto.

3 gústame